Bases

Bases da XXXIV edición do
Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé
(2021)

[descargar en formato PDF]

1) O premio convócase co obxectivo de colaborar na promoción de novas voces, polo que é requisito para participar non ter publicado ningún libro individual de poesía. Porén, admitiranse traballos presentados por persoas que publicasen previamente algún libro en edición de autor.
2) O xurado estará composto por tres persoas de recoñecida traxectoria no ámbito da escrita literaria, da edición, da crítica ou do xornalismo cultural.
3) Os autores e autoras participantes presentarán un libro de poesía en lingua galega. É responsabilidade do xurado do premio determinar se algún dos traballos presentados posúe ou non as características para ser considerado “libro”. Porén, recoméndase unha extensión mínima de 300 versos. A escolla ortográfica de cada libro presentado non será obxecto de valoración por parte do xurado.
4) Os textos enviaranse por correo electrónico en formato PDF ao enderezo seguinte:

gro.ellarap@oerroc

Na mensaxe incluiranse dous arquivos, un titulado “obra” e outro, “plica”. O arquivo denominado “obra” non incluirá ningunha referencia ao autor ou autora da mesma. No outro, indicarase a información seguinte: o título do libro, nome completo do autor ou autora, DNI ou pasaporte, enderezo e datos de contacto (teléfono e enderezo electrónico). No caso da publicación previa dun libro individual, deixarase constancia na plica do título da obra, ano de publicación e, no caso de telo, ISBN.
5) O prazo de presentación de orixinais remata na medianoite do venres 17 de setembro de 2021.
6) A organización remitirá un correo electrónico confirmando a recepción correcta do material.
7) O xurado escollerá de entre os traballos presentados un único libro. Ademais, poderá deixar constancia na acta de cantos outros títulos considere merecedores de ser publicados, non significando isto ningún compromiso por parte da entidade convocadora nin dos patrocinadores nin do editor. Non se fará referencia na acta ao nome dos autores ou autoras dos libros mencionados.
8) A entrega do premio terá lugar en novembro de 2021 nas instalacións do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade en Fene.
9) O premio consistirá na edición do libro na Colección de Poesía Espiral Maior no máis breve prazo posíbel. Terá tamén unha gratificación económica de 3000 € (suxeitos ás retencións impositivas que marca a lei).
10) A edición do libro constará de 600 exemplares. A editora entregará ao autor ou autora 25 exemplares da obra impresa. Unha vez esgotada a primeira edición, a entidade convocadora, os patrocinadores e/ou o editor dispoñerán do prazo dun ano para reeditar o libro, debendo negociar previamente co autor ou autora a compensación económica desta e sucesivas edicións. Transcorrido este prazo, o autor ou autora poderá dispoñer libremente da obra coa única condición de que deberá deixar constancia do galardón en sucesivas edicións do libro.
11) Calquera detalle non previsto polas presentes bases deberá ser resolto polo xurado que ten, asemade, a atribución de interpretalas, en particular no relativo aos puntos 1 e 3. A decisión do xurado é inapelábel.
12) O envío dunha obra ao certame implica a aceptación de que os datos da plica sexan incorporados a unha base de datos para a xestión do premio. Unha vez emitido o fallo do xurado, a organización conservará o nome e enderezo electrónico das persoas participantes coa única finalidade de promover as seguintes convocatorias. Os autores e autoras poderán modificar ou eliminar estes datos dos arquivos da entidade convocadora, segundo se detalla na regulamentación correspondente, solicitándoo por correo electrónico ao mesmo enderezo de participación. A eliminación dos datos antes da resolución do premio implica a retirada do concurso da obra correspondente.