O Premio

O Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé foi instituído pola Directiva do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene en 1987 coa vontade explícita de honrar a memoria do Segrel do Penedo.

Durante dezasete convocatorias, premiouse un pequeno feixe de textos escritos en galego ou castelán. O premio acadou unha relevante difusión en todo o territorio do Estado Español sendo galardoadas persoas provintes de diferentes partes do mesmo.

En 2005, a Asemblea de socios do Círculo acorda introducir unha serie de modificacións nas bases. A partir de entón, o premio está orientado expresamente a libros de poesía en lingua galega de autores que non tivesen obra individual previamente publicada.

Grazas a un acordo de colaboración co Concello de Fene e a editorial Espiral Maior que dirixe o poeta Miguel-Anxo Fernán Vello, o título gañador do certame de cada ano publícase nesta prestixiosa colección de poesía.

Preténdese así colaborar a difundir o traballo dos novos creadores e creadoras de Galicia.

Cada ano, a convocatoria do premio realízase arredor das letras galegas, estendéndose o prazo de presentación de orixinais ata finais do mes de setembro.

O fallo do xurado dáse a coñecer arredor do 20 de novembro.

Neste mesmo sitio web pódese consultar a versión actualizada das bases do premio.