[de]construçom no Diario Cultural

Na edición de onte do Diario Cultural da Radio Galega, Chus Nogueira fala de [de]construçom, o libro de Susana Sánchez Aríns gañador da última edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé.
(Pódese oír o programa todo que dirixe Ana Romaní ou avanzar de vez até o minuto 41 para escoitar o interesante diálogo no que se fala do premio e elóxiase xenerosamente o libro.)

Presentado o libro gañador da XXI edición

O pasado sábado 9 de maio presentouse oficialmente o libro gañador da XXI edición do Premio, [de]construçom, de Susana Sánchez Aríns.

portada [de]construçom

O acto contou coa presenza do alcalde de Fene, Iván Puentes, así como da gañadora e mais da autora das ilustracións do libro, Rosa Herraiz Cabanas.

A presentación da obra gañadora correu a cargo de Mario Regueira, gañador da XVIII edición do Premio.

Entrega da XXI edición do premio

O pasado 22 de novembro fíxose entrega do premio a Susana Sánchez Aríns, gañadora da XXI edición do certame coa obra (de)construçom. A autora non puido asistir ao acto pero foi representada pola súa irmá que leu un texto de agradecemento e algúns poemas do libro.

A representación institucional do acto estivo composta por Milagros Lantes, delegada provincial da Consellería de Cultura, o alcalde de Fene, Iván Pazos e o presidente do Círculo Mercantil, Fernando Rocamonde.

Na mesa estaba tamén Alfredo Ferreiro en representación do xurado desta edición do premio.

O libro publicarase na colección de poesía Espiral Maior. A presentación está prevista para o mes de maio de 2009.