Onte, no Círculo Mercantil e Industrial-Unidade, en Fene, encontrámonos novamente. Foi para presentar en sociedade o libro gañador do Premio do ano pasado: Nomes de fume, de Míriam Ferradáns.
O acto contou, como é habitual, coa presenza do alcalde de Fene, Juventino Trigo e do editor do libro, Miguel Anxo Fernán Vello.
O libro apadriñouno o poeta Ismael Ramos quen contou cal era a súa relación con Míriam, co libro e mais co premio nunha intervención na que se gañou o cariño de todas as persoas presentes. Hoxe aparece nas fotos da tarima do CMI. O salón non o coñecía pero, como dixo el mesmo, a tarima coñecíaa ben polas fotos do Facebook dos seus amigos. Esperamos contar con el en futuras edicións do premio.
Míriam agradeceu a moitas persoas pola súa participación no libro, en particular a Dores Tembrás, poeta, editora e autora do prólogo, quen tamén estaba presente no acto. E leu algúns poemas do libro para pechar o acto.
Como todos os anos, foi un encontro bonito e feliz. O Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé da un paso máis nesta xa longa andaina e prepárase para iniciar o camiño da XXXª edición que será moi especial, máis, se cabe, do que xa tentamos que sexa cada unha delas.
Moitas grazas ás persoas que nos acompañaron onte, ás que nos acompañan sempre. Seguimos traballando.
Categoría: Libros gañadores
Jesús Castro Yáñez obtén o XXVIII Premio Pérez Parallé
O xurado da XXVIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, formado por Estíbaliz Espinosa, Estevo Creus e Fran Cortegoso, escolleu hoxe o libro Os nomes e os himnos como obra gañadora da edición deste ano do certame.
Aberta a plica, descubriuse o nome do autor: Jesús Castro Yáñez, poeta nado en Baltar, A Pastoriza, en 1992.
O gañador obtivo, antes deste, outros premios pola súa obra poética: o Minerva, o Xela Arias ou o Ánxel Casal son algúns deles. Recentemente foi galardoado co I Premio de relato breve Nélida Piñón do concello de Cotobade polo relato “O vello e o minotauro”.
O Premio Pérez Parallé, convócase desde hai xa case trinta anos no Centro Mercantil e Industrial Unidade, de Fene. Colabora con el o Concello de Fene e a editorial Espiral Maior, dirixida polo poeta Miguel Anxo Fernán Vello, que publicará a obra gañadora.
O próximo sábado 21 de novembro terá lugar na sede do Círculo Mercantil a entrega dao premio, nun acto que contará coa presenza de Juventino Trigo, alcalde de Fene e coa actuación da rondalla Estrelecer.
Presentación do libro gañador do Parallé 2014
O pasado venres tivo lugar na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade, en Fene, a presentación de Ruído de trens, o libro co que Eduard Velasco obtivo a XXVII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé en 2014.
O acto iniciouse cunha intervención do presidente do CMI, José Manuel Romero e a continuación interviu Gumersindo Galego, alcalde de Fene. A continuación, e no que foi o acto literario principal, participou Miguel Anxo Fernán Vello, director de Espiral Maior e editor do libro, Lara Dopazo Ruibal, xornalista, quen actuou como madriña do libro e, por último, o autor, Eduard Velasco quen, tras os agradecementos, leu algúns poemas do libro.
O peche musical estivo a cargo do conxunto vocal Sondenós quen interpretou, ademais dun repertorio de música internacional, algúns poemas de autores galegos desde Rosalía de Castro a Séchu Sende.
Velaquí algunhas fotos do acto e mais o texto co que Lara Dopazo Ruibal presentou o libro.
Xa temos nas mans o libro gañador do 2014
Ruído de trens, o libro co que Eduard Velasco obtivo o Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé en 2014 xa está listo!
O próximo sábado 9 de maio ás 20.30 terá lugar a presentación oficial que contará coa participación do autor barcelonés, do editor do libro, Miguel Anxo Fernán Vello, e da xornalista Lara Dopazo Ruibal, quen nos falará sobre o libro.
Con este acto pecharase o traxecto da vixésimo séptima edición do Premio e, como todos os anos, iniciaremos a andaina do XXVIII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Este traballo que facemos entre todos e que nos dá alegrías como esta:
Fin de ano
Pechamos 2014 cunha longa entrevista de Montse Dopico ao gañador da última edición do Premio, Eduard Velasco no seu “M_”, Magazine cultural galego.
Aproveitamos a ocasión, para saudar desde o Premio esta iniciativa cultural de altísima calidade que vén levando adiante esta xornalista desde hai un tempo. Unha páxina de referencia para entender o que acontece no mundo cultural do país.
Seguindo coas novidades deste final de ano, queremos deixar constancia de que Fran Cortegoso segue presentando con grande éxito o seu libro, gañador do Premio do ano pasado: Memorial & Danza. Recentemente, o libro foi o centro dun coloquio en Santiago de Compostela coa participación da recoñecida poeta, profesora e crítica literaria María do Cebreiro. No blogue de Gonzalo Hermo, poeta e membro do xurado desta última edición, hai un texto de María do Cebreiro e outro do poeta Claudio Pato sobre o libro: ambos textos de moi interesante lectura.
Rematamos desexándovos un 2015 cheo de poesía. Nós seguiremos traballando desde este pequeno recunchiño para manter viva esa chama.
Eduard Velasco gaña a XXVII edición do Premio Pérez Parallé
O poeta catalán Eduard Velasco obtivo a XXVII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé co libro titulado Ruído de trens.
O xurado, conformado por Carlos Quiroga, Mariña Pérez Rei e Gonzalo Hermo, reuniuse onte á noite na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene e debatiu sobre os títulos presentados. Foi unha discusión intensa na que destacaron varios libros. Dous deles, ademais do gañador, figuran na acta por decisión do xurado: son os presentados baixo os pseudónimos de “Xarda” e “Malãkh”.
O xurado do premio acordou por unanimidade deixar constancia na acta “que, en coherencia coa tradición e Historia do Galeguismo, recusa a censura normativa pola que veñen sendo vitimados galegos e galegas que viven a súa lingua como sendo común coa doutras sociedades. No caso dos premios literarios, a calidade artística das propostas non debe ser desconsiderada por seguir unha escolla diferente da pretendidamente oficial para a nosa lingua, polo que aplicaron este criterio na súa avaliación dos traballos presentados á convocatoria de 2014. Tamén adhiren á campaña “Galego em liberdade” e suxiren aos organizadores deste premio –e eventualmente de todos os premios literarios de Galiza- que incorporen ás súas bases a non discriminación por cuestión de norma ou modelo lingüístico, contribuíndo a que as actitudes censoras fiquen como unha reliquia do pasado.”
(A foto é da poeta Alicia Fernández).
Eduard Velasco é licenciado en filoloxía catalá e en filoloxía galega pola Universitat de Barcelona e reside en Galiza desde 2006.
Ten desenvolvido traballos de tradución entre o galego e o catalán, participou en Cataluña en programas de radio en galego e está adicado ao intercambio entre as culturas galega e catalá.
Recentemente obtivo, cun pequeno conxunto de poemas, o Premio Leiras Pulpeiro que convoca o Concello de Mondoñedo.
A entrega do premio terá lugar o sábado 15 de novembro na sede do Círculo Mercantil en Fene, nun acto que comezará ás 20h e que contará coa participación, como xa é habitual, da rondalla “Estrelecer”.
Presentación de “Memorial e danza”
Este vernres, véspera do Día das Letras Galegas, tivo lugar en Fene a presentación do libro gañador da XXVI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé: Memorial e danza, de Francisco Cortegoso.
O acto contou coa presenza de Gumersindo Gallego, alcalde de Fene, así como de José Manuel Romero, en representación do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, entidad convocante do premio.
Acompañaron ao autor o poeta Miguel Anxo Fernán Vello, director de Espiral Maior, editora do libro, e Antón Lopo, poeta, narrador e xornalista cultural de longa traxectoria.
Velaquí algunhas fotos do acto:
Presentación de Memorial e danza
Finalmente temos xa nas mans un novo libro gañador do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé: Memorial e danza, de Francisco Cortegoso.
Xa sabiamos que por dentro era un libro excelente. Hoxe podemos dicir que por fóra é un libro precioso.
Este venres, ás 21.30, na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, terá lugar o acto de presentación do libro que contará coa presenza do noso autor viaxeiro, do editor do libro, Miguel Anxo Fernán Vello e mais do escritor e xornalista cultural Antón Lopo, que fará a presentación do libro.
Oxalá poidades acompañarnos.
Oxalá vaiades a unha libraría e procuredes o libro de Fran. Estaredes acompañando o primeiro gran paso dun autor que xa leva uns anos amosando o seu bo facer e que será, sen dúbida, unha figura relevante da poesía galega nos próximos anos.
Fin de ano con sol
Achegámonos a final de ano cunha boa nova que vén a sumarse ás moitas alegrías que nos deu xa o Fase de trema co que Lorena Souto obtivo o Premio Pérez Parallé hai xa dous anos: aínda que non hai relato “oficial”, Modesto Fraga contou hai pouco en Facebook que o libro de Lorena resultou finalista nas votacións para o Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández que celebraba unha obra publicada en 2012 por un autor ou autora menor de 31 anos.
Ao xurado do premio, Modesto Fraga, poeta fisterrán e, desde hai un tempo, libreiro en Arteixo, acudiu en representación da Real Academia Galega. E foi el que relatou que o libro de Lorena -así como o Vinte en escena da carballesa-muxiá Rosalía Fernández Rial- foron superando as diferentes etapas do proceso de escolla que levou a cabo o xurado até chegar ás últimas decisións.
O premio foi, finalmente, para o poeta barcelonés Unai Velasco.
Algún medio de comunicación fíxose eco desta nova.
Con isto, péchase un 2013 cheo de boas novas para o libro de Lorena, que xa foi finalista dos premios dos editores e dos escritores e escritoras de Galicia.
Lorena está desde hai uns meses en Gales, exercendo de lectora de galego na Universidade, e alí tamén participou nalgún recital poético levando o nome do noso Premio Pérez Parallé até terras máis alá do Mar do Norte.
Como digno remate de curso, vimos de ler esta crítica do libro de Marisol Gándara publicada polo prestixioso blog “Criticalia” de Armando Requeixo. O libro de Marisol tamén está acadando boa receptividade na crítica galega.
Para os que facemos este Premio, todo isto é motivo de orgullo e un impulso para seguir adiante.
Entrega do XXVI Premio Pérez Parallé
O sábado tivo lugar en Fene a entrega do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. O autor galardoado, Fran Cortegoso, non puido estar presente pero, no seu sitio, os poetas Gonzalo Hermo e Alicia Fernández recibiron a figura que acredita o galardón, leron un texto enviado por Fran desde a India e algúns dos poemas do libro premiado.
O presidente do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, José Manuel Romero, abriu o acto agradecendo a presenza de todos e reivindicando o compromiso dos que facemos o Premio coa literatura feita en galego e cos máis novos autores como continuación do labor feito neste mesmo sentido polo autor homenaxeado co Premio.
No acto participou o Alcalde de Fene, Gumersindo Gallego, quen amosou o compromiso do Concello de Fene coa continuidade do premio e fixo unha defensa da cultura e a literatura feita en galego.
Ramón Blanco, en representación do xurado, falou do libro e mais do proceso de escollelo, antes de dar paso á entrega do premio e das lecturas que fixeron os poetas que representaban no acto ao autor galardoado.
Pechouse a sesión, como é habitual, cunha actuación musical que, nesta ocasión, foi dobre: Francisco Pérez Porto e Carmen Romero, acompañados de cadansúa guitarra, ofreceron un recital de romances e cantigas, algunhas tradicionais, outras de creación propia, outras con letras de Rosalía Castro ou Don Xosemaría e, para pechar, a rondalla do Círculo, ofreceu o seu repertorio habitual integrado por poemas tradicionais, tres cancións con letra de Pérez Parallé e unha versión de Campanas de Bastavales coa que deu remate o acto.
Aquí tendes algunhas fotos e, a continuación, o texto que Fran Cortegoso enviou para ser lido por Gonzalo Hermo no acto. (Podedes descargar unha versión en PDF facendo clic aquí.)
Discurso de recepción do Premio Pérez Parallé de poesía 2013
Saúdos cordiais a todos os presentes.
Ao occidente da Provenza francesa, perto de Marsella, elevase un pregue calcáreo duns mil metros de altura sobre o nivel oceánico chamado Monte da Santa Vitoria. Domina unha ampla paisaxe para o sur e estremos da súa extensión. Hoxe en día a autoestrada que atravesa a rexión produce un efecto cinematográfico de travelling na visión de tal monumento natural. Paul Cézanne, pintor nado na Provenza, traballou ao longo da súa vida coa visión dese promontorio alpino dunha cor cinsenta, por veces branca. Podo, podemos, contemplar o seu despregue de sentido nunha postal. Unha fotografía recolle o mais inmediato presente de algo, no entanto, eterno. Puidemos vela e asombrounos o seu fenómeno. Xurdiu na paisaxe camiño do aeroporto de Marsella. Camiño da India.
A miña vontade é este lugar desde onde escribo, mentres escoito unha voz en lingua árabe clamando unha verdade sen maior representación que a palabra mesma; o lugar onde esta ten lugar e pode dar lugar. A miña vontade, sen desexalo, e desculparán a miña ausencia, lévame a cumprir co poema como evento na voz de Alicia Fernández. Levo anos xogando coa miña propia desaparición. Do que se trata é do poema e a relación cun saber humano.
Días antes de coñecer e recoñecerme gañador deste premio xa instituído en obras e autores que gardo presentes e que demostran o seu creto, atravesaba bosques ocupados por plantacións de café nunha outra paisaxe ou territorio. Tratábase da primeira plantación de café que podía observar e á miña vista, como por efecto dun desvelamento da vexetación, apareceu ou aparecín ante o monte Mullayangiri. Aparecín eu; aínda que un pregamento de materiais sedimentarios non poida dar conta de min, para iso está a linguaxe, para dar voz ao inmemorial. Mais o monte Mullayangiri nin aparece nin comparece. A miña presenza bórrase para dar lugar a unha simple recepción da luz polos sentidos. Un verde que se deita do esmeralda ao ton da vile, esborrallado pola néboa. Así acontecía cada mañá o monte da Santa Vitoria ante a presenza do pintor postimpresionista. Cézanne pretendía unha linguaxe da luz, o seu acontecer singular sen atender realmente a unha lei propia ao obxecto e anterior. A luz estimula, para o artista, unha arquitectura irreparábel por singular, e deste xeito, inmediatamente ruinosa. O século XX deparaba grandes acontecementos como a visión da Santa Vitoria.
Mais todos nós, no século XXI, é posíbel sermos parte dunha ruína anterior que xoga como representación do acontecer dun sistema ou estrutura en crise. O xardín estabeleceu unha orde a unha natureza ocupada pola emerxencia das ciencias naturais. E este xeneralizouse como unha lóxica estética. Os poemas que teño por honra presentar este día grazas á valoración dun xurado que me acolle como igual, son produto dun saber que se garda na miña historicidade mais que eclosionan no espazo como eventos nun xardín, ordenación do que se trata por natural. Así, creo, debe ser tomado o noso tempo, como unha oportunidade para a nova orde ocupándonos dos acontecementos que poden liberar a nosa sociedade.
Os meus mellores desexos para todos. Agardo que desfrutedes desta xornada en Fene.
Francisco Cortegoso