Finalmente temos xa nas mans un novo libro gañador do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé: Memorial e danza, de Francisco Cortegoso.
Xa sabiamos que por dentro era un libro excelente. Hoxe podemos dicir que por fóra é un libro precioso.
Este venres, ás 21.30, na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, terá lugar o acto de presentación do libro que contará coa presenza do noso autor viaxeiro, do editor do libro, Miguel Anxo Fernán Vello e mais do escritor e xornalista cultural Antón Lopo, que fará a presentación do libro.
Oxalá poidades acompañarnos.
Oxalá vaiades a unha libraría e procuredes o libro de Fran. Estaredes acompañando o primeiro gran paso dun autor que xa leva uns anos amosando o seu bo facer e que será, sen dúbida, unha figura relevante da poesía galega nos próximos anos.
Etiqueta: Miguel Anxo Fernán Vello
Mentres agardamos, Ata o corazón da mazá
Mentres agardamos con ansia a reunión do xurado da XXVI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé (que terá lugar o domingo 10 de novembro pola mañá) tivemos ocasión onte de acompañar a Marisol Gándara Sánchez, gañadora da XXV edición, na presentación na Coruña do seu Ata o corazón da mazá.
O acto contou coa participación de Miguel Anxo Fernán Vello, director de Espiral Maior e Eva Veiga. Como xa saberedes, o libro de Marisol está adicado a esta poeta, voz senlleira da nosa poesía actual. Esta é a segunda vez que Eva Veiga acompaña a Marisol na presentación do libro e, como da vez anterior, agasallou á sala cunha lectura fonda, sentida e incisiva do libro de Marisol.
Aquí tendes unha pequena crónica fotográfica do acto.
As lavandas de Ramón Neto
Vén de chegarnos ¡desde Bruxelas! un exemplar de As lavandas adáptanse a todo erro de navegación, o libro co que Ramón Neto obtivo o ano pasado o Premio de Poesía Miguel González Garcés, un dos de máis longa andaina nas nosas letras.
Co seu libro anterior, A estación única dunha illa, Ramón Neto obtivo en 2009 a XXII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Despois dese primeiro paso que deu connosco, agora dá un segundo gran paso, sumándose a unha listaxe de poetas galardoados no premio da Deputación da Coruña que conta con nomes tan senlleiros como o de Estevo Creus, Marta Dacosta, Ramiro Fonte, Medos Romero, Miguel Anxo Fernán Vello, Xosé María Álvarez Cáccamo ou Luz Pozo Garza entre outros.
Celebramos estas novas como se fosen logros nosos e non nos cansamos nunca de dicir canto nos aleda ver que o Pérez Parallé segue a demostrar que dá bos froitos.
Presentación en Compostela
O pasado día 13, xoves, presentouse en Compostela Ata o corazón da mazá, o libro co que Marisol Gándara Sánchez obtivo a XXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé.
O acto contou coa participación de Miguel Anxo Fernán Vello, editor do libro e de Lorena Souto, gañadora da XXIV edición do Premio, quen lle fixo os honores ao libro de Marisol Gándara.
Para pechar, o público que enchía a Libraría Couceiro (entre os que se contaba tamén Mario Regueira, gañador da XVIII edición e Eduardo Estévez, coordinador do Premio), puido escoitar unha selección de textos na voz da autora.
O libro bota a voar e xa estamos preparando a próxima edición do Premio da que xa se poden descargar as bases.
Presentación de “Ata o corazón da mazá” en Compostela
Este xoves 13 ás 20h na libraría Couceiro, na praza de Cervantes de Santiago de Compostela, Lorena Souto fará a presentación do libro gañador da XXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé: Ata o corazón da mazá, de Marisol Gándara Sánchez. O acto contará coa presenza do editor, Miguel Anxo Fernán Vello.
Presentación de “Ata o corazón da mazá”
Aquí tendes unhas fotos da presentación de Ata o corazón da mazá, o libro de Marisol Gándara Sánchez que obtivo a XXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé.
O acto tivo lugar o pasado sábado e contou coa presenza, ademais da autora, de Miguel Anxo Fernán Vello, editor do libro, Lorena Souto, gañadora da anterior edición, e de Eva Veiga, quen fixo a presentación.
Na mesa aparece tamén un representante da Deputación da Coruña, colaboradora do Premio, así como de Gumersindo Gallego, alcalde de Fene e Manuel Romero Rey, Presidente do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, quen fixo de anfitrión do acto.
A actuación de Airiños de Fene púxolle o peche a un acto que sempre é unha ocasión feliz de celebrar a entrada dunha nova voz no mundo da poesía en lingua galega e un recordatorio constante da figura senlleira de Xosemaría Pérez Parallé.