Marisol Gándara Sánchez gaña o XXV Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

O pasado xoves reuniunse na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene o xurado da XXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, conformado por Miguel Anxo Fernán Vello, poeta e editor, Dores Tembrás, poeta e María Rosendo, gañadora da edición do Premio de 2010.

xurado xxv edición

Tras debatir sobre os libros presentados, acordaron finalmente outorgar o premio ao libro presentado co título Testamento poético. Aberta a plica, a autora do libro resultou ser Marisol Gándara Sánchez.
Marisol naceu en Francia en 1981, veu a Galicia con poucos meses e criouse en Ordes. É Licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Santiago de Compostela onde
actualmente cursa estudos de Xornalismo, ademais dun master en Paratradución na Universidade de Vigo. Obtivo diversos premios a poemas ou pequenos conxuntos de textos entre os que destaca a XV edición do Premio Francisco Añón, do Concello de Outes, acadado en 2011. Ten publicado ocasionalmente algúns poemas no magazine dixital Achtung.
A propósito de Testamento poético, a súa autora di que “o poemario está adicado a poeta Eva Veiga e, nela, a todas as mulleres que tiveron e teñen que medrar contra un modelo no que non acaban de encaixar de todo”.
O libro de Marisol Gándara aparecerá publicado o próximo ano na editorial de poesía Espiral Maior. Pero antes, o próximo sábado ás 20.00, farémoslle entrega do diploma acreditativo do Premio, ademais dos 500 € (menos impostos) con que está dotado este ano o Premio. Por último, Marisol recibirá unha peza do ceramista Francisco Pérez Porto, fillo de Xosemaría Pérez Parallé.
marisol gándara
Para celebrar o XXV aniversario do certame, o acto contará tamén coa participación de varios dos gañadores e gañadoras dos últimos anos que farán un pequeno recital: Mario Regueira, Xiana Arias, Susana Sánchez Aríns, Ramón Neto e Lorena Souto amosarán o camiño que teñen percorrido despois de obteren o Premio.
O acto pecharase coa actuación do Coro da Ra, dirixido por Ramón Bermejo.

Un comentario en “Marisol Gándara Sánchez gaña o XXV Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé”

Os comentarios están pechados.