Fin do “Ano Ferradáns”

Achegámonos ao remate deste 2016 e queremos deixar aquí constancia da ledicia que nos produce cada novo galardón que está a recibir a nosa autora premiada deste ano.

miriam_ferradans

Cando o xurado abriu a plica correspondente ao libro escollido e apareceu o nome de Míriam Ferradáns, logo soubemos que a autora xa obtivera algúns galardóns: o 3º premio no Xuventude Galicia Crea en 2012, o Rosalía de Castro de Cornellá en 2013 e en 2014. Neste 2016 comezara facéndose co Francisco Añón, do Concello de Outes. Despois chegoulle o XXIX Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé pero non parou alí: aos poucos días fíxose público o 2º premio no certame de Cornellá e, esta mesma semana, o Leiras Pulpeiro, do concello de Mondoñedo.

Ela di que non son todos premios dun ano, que levaba moitos anos traballando e só é agora cando se decidiu a saír abertamente cos seus textos ao mundo. Xa que logo, é o recoñecemento a un traballo teimudo e silencioso.

Nós estamos encantados de que ela faga parte da familia do Parallé. E, unha vez máis, recoñecemos a laboura do xurado (Eduard Velasco, Lara Dopazo e Paco Souto) que souberon atopar un libro que ten detrás unha voz que vai tomando, con forza, forma de seu.

Unha boa maneira de rematar este 2016 que será, tamén, o ano de Míriam Ferradáns.

Deixamos aquí a ligazón a unha pequena notiña do Faro de Vigo no que se recolle toda esta información.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará