Lorena Souto presentou Fase de Trema en Compostela

Onte, na libraría Couceiro de Santiago de Compostela, tivo lugar a segunda presentación de Fase de Trema, o poemario co que Lorena Souto obtivo a XXIV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé.
presentación lorena souto en compostela
Como no acto do pasado día 16 de maio en Fene, a autora estivo acompañada da crítica literaria Antía Marante. Ademais, nesta ocasión contou coa presenza da escritora e profesora Manuela Palacios e mais do editor do libro, o poeta Miguel Anxo Fernán Vello.
presentación lorena souto en compostela
presentación lorena souto en compostela
O acto contou cunha boa participación de amigos de Lorena que ao remate fixeron cola para poder levar un exemplar asinado.

pd: Grazas a Mario Regueira polas fotos!

Presentado o libro gañador da XXIV edición do Premio

O mércores pasado, véspera do día das Letras, presentouse no Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene Fase de trema, o libro co que Lorena Souto obtivo o ano pasado a XXIV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé.
presentación lorena souto fene
A autora estivo acompañada por Antía Marante, crítica literaria que fixo unha boa disección da obra gañadora.
O acto estivo presidido por José Manuel Romero, presidente do Círculo e mais contou coa participación do alcalde de Fene, Gumersindo Galego.
presentación lorena souto fene
Desta volta, tamén o público acompañou: a sala estaba como nos seus mellores tempos, chea de amigos, familiares e socios do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade que puideron presenciar, unha vez finalizado o acto, da representación de A Sobela, texto teatral de Xosemaría Pérez Parallé, a cargo do grupo de teatro que leva o seu nome, adaptado por Carlos Basoa.
presentación lorena souto fene

Entrevista a Mario Regueira

mario regueiraMario Regueira, gañador da XVIII edición do Premio, contesta as preguntas de Ramón Vilar en “Letra en Obras”.
Pódese ver a entrevista aquí.

Mario está estes días presentando a súa última novela, Outono aquí, publicada por Sotelo Blanco, coa que obtivo en 2011 o Premio Manuel Lueiro Rei de novela curta. É a segunda que publica, despois de L’affiche rouge (Xerais, 2007).

A maiores do libro co que gañou o Pérez Parallé en 2005, tamén publicou outro poemario, Blues da crecente, que obtivo o Premio Johán Carballeira en 2008 e foi publicado por Espiral Maior en 2009.

María Rosendo gaña a XXIII edición do Premio

O pasado venres reuniuse na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade, o xurado da XXIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Desta volta estivo integrado por Pedro Casteleiro, Antía Otero e Ramón Neto.
Despois da discusión, resultou escollido o libro titulado Nómademaría rosendo, presentado baixo o pseudónimo “Verdecente”. Aberta a plica, resultou ser da autoría de María Rosendo Priego.

Nada en Vigo en 1984, María escribe poesía desde os 17 anos. Realizou estudos de filoloxía inglesa que, máis tarde, compaxinará cos de educación social.
En 2007 viaxa a cidade de Bos Aires para vivir no hemisferio austral durante un ano. Será precisamente nesta andaina onde comeza a nacer a poética deste poemario, Nómade.
Participou en recitais poéticos coas Redes Escarlata ou na II “Rebelión da décima musa”, nas festas do Barrio de San Pedro en Compostela. Non ten ningún texto publicado.
Nómade é, tal como se indica nas bases do premio, o primeiro libro da autora que verá luz, e será daquí a uns poucos meses na colección de poesía Espiral Maior.
Na actualidade María Rosendo vive en Compostela onde traballa en produción teatral coa compañía Berrobambán.

actualizado 03/11/2010 12:06
en radiofusión.
no diario de ferrol.
en culturagalega.org.
en galicia-hoxe inclúen unha entrevista con maría.
en fene.com.

Premio Pérez Parallé, marca de calidade

Xiana Arias, gañadora da XIX edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé co libro Ortigas, presenta nova obra poética: Acusación, que publica Editorial Galaxia.

E no portal toupa.net promocionan o libro coa imaxe seguinte:

xiana arias acusacion
xiana arias acusacion

Estamos orgullosos de Xiana. E encantados de que toupa.net escollese o noso Premio como reclamo para promocionar o libro.

Presentación d’A estación única dunha illa

O libro gañador da XXII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, A estación única dunha illa, de Ramón Neto, presentarase este sábado 22 de maio ás 20:00 no Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene.

No acto participarán, ademais do autor: José Manuel Romero Rey, presidente do, Círculo Mercantil, Iván Puentes, Alcalde de Fene, e Eduardo Estévez, escritor e coordinador do premio.

A piques de saír o libro gañador de 2009

A estación única dunha illa, de Ramón Neto, libro gañador da XXII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé (2009) está a piques de saír do prelo.

Velaquí un adianto da portada.

a estación única dunha illa

O sábado 22 de maio terá lugar a presentación no Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene.