Paula Currás Prada, gañadora do Parallé 2025

Hai uns días tivo lugar a reunión do xurado da edición XXXVIII do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade, en Fene.

Tras a deliberación, foi escollida como gañadora a obra titulada Vestiario que, aberta a plica, resultou ser de Paula Currás Prada.

Paula naceu e vive en Cambre. É doutora en poesía norteamericana pola Universidade da Coruña onde actualmente exerce como profesora e investigadora. A súa produción poética (en inglés e galego, respectivamente) foi publicada nas revistas Porridge e Dorna. En 2024 obtivo o segundo premio de poesía Díaz Jácome para novos creadores, así como o XXXI Premio Xoán Díaz de Cambre en 2025.

Como se ve na primeira foto, o xurado deste ano estivo integrado polas poetas Lucía Aldao, Silvia Penas, dúas voces destacadas da poesía galega, con notable traxectoria tamén na poesía escénica e na música, acompañadas de Xosé Carlos Carracedo Porto, gañador do certame en 2023.

O próximo sábado 22 ás 20:30, na sede do Círculo Mercantil e Industrial de Fene entregarémoslle a Paula o seu Premio Pérez Parallé e pasará a formar parte da fantástica nómina de autoras e autores que conforman a nosa familia. Benvida!

“pequena vida salvaxe”

Hai uns días tivo lugar na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene a presentación de pequena vida salvaxe, o libro co que Roberto X. Hermida obtivo o XXXVII edición do Premio Pérez Parallé.

Roberto estivo acompañado pola presidenta do CMI, Paula Romero, a nova alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e por Miguel Anxo Fernán Vello, director da colección de poesía Espiral Maior que publica o libro.

Como introdución do evento, guiado como é habitual por Enrique Sanfiz, Eric Sardiña e Ignacio García leron dous poemas de homenaxe a Palestina de Darío Xoán Cabana e do propio Miguel Anxo Fernán Vello.

Velaquí algunhas fotos do evento.

O próximo 7 de novembro Roberto presentará o libro na Biblioteca Municipal das Pontes continuando o que agardamos sexa unha longa andaina literaria.

Gisela Mato presenta “fraxilidades”

Onte, na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, Gisela Mato presentou o seu poemario fraxilidades, gañador da XXXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé.

O acto (presentado como é costume por Henrique Sanfiz) contou coa presencia do alcalde de Fene, Juventino Trigo, da presidenta do CMI, Paula Romero e do editor do libro, Miguel Anxo Fernán Vello, director de Edicións Espiral Maior.

Pechou o acto a actuación de Fran Amil, co seu espectáculo “Popsía”.

Velaquí algunhas fotos do acto.

Anxo Mena faise coa XXXIV edición do certame

O xurado da XXXIV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé resolveu hai uns días outorgar o premio deste ano ao libro Alimentar canarios con ovos da casa que, aberta a plica, resultou ser do poeta Anxo Mena.

O pasado sábado, como é habitual cada penúltimo sábado de novembro, na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, o autor de Carral recibiu o diploma e o emblema do certame nun acto que contou coa presenza da Presidenta do CMI-Unidade, Paula Romero, do Alcalde de Fene, Juventino Trigo e de Sara Plaza, gañadora do certame en 2020, quen simbolizou coa súa participación a continuidade do certame.

O xurado deste ano estivo formado por Inma Otero, crítica literaria, Ramiro Torres, poeta, e Regina Touceda, gañadora do certame en 2019. O libro galardoado verá luz o próximo mes de maio na editorial Espiral Maior.

Velaquí algunhas fotos do acto de entrega:

Presentación en Fene de _todos os pasos fan ruído_

Onte tivo lugar en Fene a presentación de todos os pasos fan ruído, o libro co que Sara Plaza obtivo o seu XXXII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Foi ocasión de, contra vento e virus, reunirnos novamente na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade para celebrar a aparición dun novo libro, froito do esforzo conxunto que este certame significa e do que tan orgullosas e orgullosos estamos.

E puido por fin Sara Plaza achegarse á sede do CMI-Unidade xa que a entrega do premio, en novembro, tivo que ser telemática.

O acto, presentado estupendamente, como é habitual, por Henrique Sanfiz, inaugurouno a Presidenta do CMI-Unidade, Paula Romero quen deu a benvida e agradeceu o apoio do Concello. Deu paso, a continuación, á intervención do Alcalde, Juventino Trigo, quen louvou a figura de Xela Arias e o traballo do CMI para soster durante tantos anos un certame que, paso a paso, consolida o seu prestixio.

A continuación Eduardo Estévez fixo unha primeira introdución ao libro premiado falando no seu nome e mais leu o texto que preparara para a ocasión Regina Touceda, gañadora do ano anterior, quen ía presentar o libro pero non puido estar presente por atoparse preventivamente confinada pola pandemia, como tamén lle aconteceu ao editor do libro, Miguel Anxo Fernán Vello.

Ao cabo, Sara Plaza agradeceu novamente o premio e a posibilidade de ver publicado o seu libro e recitou unha selección de textos ante a ollada atenta do público presente, familia e amigos chegados, como dixo ela mesma, “desde preto, desde lonxe e desde moi lonxe”.

O acto rematou coa actuación de Su Garrido Pombo, un peche brillante para un acto trazado pola sinxeleza e a cordialidade.

Velaquí algunhas fotos (agradecemento especial a Xosé Lois Santos Cabanas quen fixo as fotos de Sara e Eduardo na mesa).

Sara Plaza Moreno obtén o XXXII premio Pérez Parallé

Hoxe pola mañá reuniuse (de forma telemática) o xurado da XXXIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Estivo integrado pola poeta Lucía Novas, a crítica literaria Iris Cochón e Carlos Lixó, gañador do certame en 2017.

Este ano houbo 76 libros a concurso, unha das cifras maiores da historia do premio. E o nivel xeral das obras presentadas foi moi destacable, o que sempre complica a toma de decisións. Porén, aínda que a reunión levou o seu tempo, desde o comezo semellaba que había coincidencia no libro gañador, que foi o primeiro que chegou cando abrimos o prazo alá a comezos de agosto e que se titula todos os pasos fan ruído.

Cando finalmente a decisión estivo tomada e fomos recuperar a plica, resultou que, detrás do libro, estaba un nome completamente descoñecido para as persoas que estabamos alí presentes: Sara Plaza Moreno non gañou premios do Día das Letras no instituto nin se presentou a concursos de relatos nin publicou poemas en revistas. Ela (isto soubémolo despois, cando collemos o teléfono para contarlle a nova) naceu e criouse nunha vila da serra de Madrid. Aprendeu o galego para poder comunicarse na súa lingua cun mozo galego independentista que cumpría condena en Madrid. Aprendeu ela soa: lendo as cartas que lle chegaban do cárcere, lendo poesía, escoitando e tendo o espírito aberto.

Namorouse de Galiza e finalmente en 2019 decidiuse a vir e instalouse en Lugo onde cursa un mestrado de pedagoxía dos espazos naturais na USC. En Lugo comezou a falar a lingua que xa lía e na que era quen de escribir. E é sorprendente o ben que fala, o fantástico acento que ten, os pouquísimos erros que comete (ou ningúns).

Agardamos axiña poder compartir con ela o acto de entrega do Premio en Fene. De partida, mantemos a esperanza de facelo na data prevista, o sábado 21 de novembro. Estamos felices de sumar a Sara á familia do Premio que ano a ano medra ben.

Luz na “deriva”

Onte, nun fermoso acto no Círculo Mercantil e Industrial-Unidade, en Fene, tivo lugar, por fin, a presentación de deriva, o libro co que Regina Touceda obtivo en 2019 o Premio Pérez Parallé. O acto debeu ter lugar en maio, pero non foi posíbel polas razóns que xa coñecemos de sobra e que tanto alteraron a nosa vida nestes meses últimos. Pero finalmente foi onte neste estraño mes de xullo de 2020.

A sala do CMI estaba máis concorrida do habitual. Gardando as distancias que marca a prudencia e con cadansúa máscara protectora, o público asistiu e aplaudiu con entusiasmo a presentación do libro.

A mesa dividiuse en dúas partes, unha primeira institucional na que interviron a Presidenta do CMI, Paula Romero, e mais o Alcalde de Fene, Juventino Trigo, quen se comprometeu a manter e incrementar o apoio do Concello ao certame.

Nunha segunda parte, o editor do libro, Miguel Anxo Fernán Vello e a autora ocupáronse con brillo da parte estritamente literaria do acto.

A tarde pechouna o grupo Encrucillada cun repertorio vibrante ancorado na tradición musical do país.

Agora é o tempo de facer que os versos de Regina saian voar polo ceo da poesía galega. Sempre é difícil para os autores e autoras novas facerse un oco cos seus traballos no prolífico universo das nosas letras. O Premio Pérez Parallé ten a vocación de aportar un gran de area para facer que ese proceso sexa máis doado. E este ano, con todas as dificultades que o sector cultural do país está a vivir, o papel das persoas que organizamos o certame é máis necesario. Asumimos esa responsabilidade e faremos o que estea na nosa man para apoiar a promoción deste libro.

Velaquí algunhas fotos do acto de onte.

Premio sen virus

Como xa vai sendo evidente, a presentación de deriva, o libro co que Regina Touceda, obtivo o Premio Pérez Parallé o ano pasado, non poderá ser o 16 de maio como estaba previsto.

Fomos adiando a nova porque non queriamos desprendernos do anaquiño de esperanza que nos quedaba pero non pode ser.

Coa colaboración de Espiral Maior estamos traballando na edición do libro e non ha pasar moito tempo antes de que o teñamos pronto. Mesmo pode ocorrer que estea antes de que poidamos distribuílo!

Na semana das letras, que xa está aí á volta, aproveitaremos para lembrar moitas cousas boas que nos trouxo o certame nos últimos anos para que a árbore que medra vizosa siga inmume aos virus. AS árboreS: a do premio, a da poesía, a da nosa lingua, a da nosa cultura.

Agora estamos pensando novas maneiras de achegarvos o marabilloso libro de Regina Touceda para que vaiades facendo fame para cando abran as librarías.

E preparando a nova edición do certame que convocaremos, como facemos sempre, ao longo do mes de maio.

Sempre avante!

Presentación de A tarde. O desacougo., de Amauta Castro

Hai uns días tivo lugar na sede do CMI-Unidade de Fene a presentación do libro gañador da XXI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé: A tarde. O desacougo., de Amauta Castro, publicado por Espiral Maior.

Deu a benvida ao acto a presidenta do CMI, Paula Romero e, a continuación, interveu o alcalde de Fene, Gumersindo Gallego.

A presentación do libro estivo a cargo de Eduardo Estévez, escritor e coordinador do certame.

Tras a participación do autor, pechou o acto o dúo Sanjurjo e Dopico.

Velaquí algunhas imaxes.

O XXX Premio Pérez Parallé, para Carlos Lixó

O pasado 11 de novembro reuniuse o xurado da XXX edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Estivo integrado por Chus Nogueira (ensaísta e Presidenta da Asociación Galega da Crítica), María Lado (poeta de Cee, autora dunha importante obra e moi coñecida pola súa faceta como recitadora) e Jesús Castro Yáñez (gañador do Premio en 2015).
De entre as 61 obras presentadas, e tras unha pormenorizada discusión, escolleron por unanimidade a obra presentada baixo o título murallas de pedra sen cemento que duran para sempre. Unha vez aberta a plica, o libro resultou ser da autoría de Carlos Lixó Gómez.

O gañador naceu en Carreira (Ribeira) e é graduado en Historia. Actualmente está preparando a tese de doutoramento en Historia Medieval. Obtivo dúas veces o premio de relatos curtos do Concello de Cambre e o terceiro premio de relatos curtos do Concello de Ames. Algún poema seu foi publicado na revista Dorna. É colaborador de opinión no xornal dixital Sermos Galiza.

Foto: Concello de Fene

O acto de entrega tivo lugar o sábado 18, na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade. Fixeron entrega do premio a presidenta do CMI, Paula Romero, e o alcalde de Fene, Juventino Trigo.

No acto participaron tamén nenos e nenas dos colexios públicos O Ramo, de Barallobre, e Os Casais, de Maniños. Entre todos, leron un traballo que prepararan sobre a vida de Xosemaría Pérez Parallé e mais recitaron algúns dos seus poemas.

Pechou o acto, como é habitual, a Rondalla Estrelecer, dirixida por Javier Amado.

O libro de Carlos Lixó será publicado por Espiral Maior. O acto de presentación está previsto para o mes de maio do próximo ano.