Acto de entrega da XXV edición do Premio

O sábado tivo lugar o acto de entrega da XXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. No acto, Marisol Gándara Sánchez recibíu o diploma acreditativo e mais a peza de cerámica que representa o premio e é obra de Francisco Pérez Porto, fillo de Xosemaría Pérez Parallé.
entrega do parallé a marisol gándara

Na mesa presidencial do acto, acompañando á gañadora deste ano, estivo José Manuel Romero, presidente do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade e Gumersindo Galego, alcalde de Fene.
Marisol adiantounos un poema do libro premiado, presentado ao certame co título Testamento poético (“aínda que é probábel -comentou-, que finalmente acabe por cambiarlle o título”).
A continuación tivo lugar un pequeno e emotivo recital a cargo de algúns dos gañadores e gañadoras do premio destes últimos anos: Mario Regueira, Susana Aríns, Ramón Neto e mais Lorena Souto.
O acto pechouse cunha actuación do Coro da Ra, dirixido por Ramón Bermejo.
O libro gañador publicarase na colección de poesía Espiral Maior na primeira metade de 2013. Arredor do día das Letras Galegas terá lugar en Fene a presentación oficial.

Marisol Gándara Sánchez gaña o XXV Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

O pasado xoves reuniunse na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene o xurado da XXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, conformado por Miguel Anxo Fernán Vello, poeta e editor, Dores Tembrás, poeta e María Rosendo, gañadora da edición do Premio de 2010.

xurado xxv edición

Tras debatir sobre os libros presentados, acordaron finalmente outorgar o premio ao libro presentado co título Testamento poético. Aberta a plica, a autora do libro resultou ser Marisol Gándara Sánchez.
Marisol naceu en Francia en 1981, veu a Galicia con poucos meses e criouse en Ordes. É Licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Santiago de Compostela onde
actualmente cursa estudos de Xornalismo, ademais dun master en Paratradución na Universidade de Vigo. Obtivo diversos premios a poemas ou pequenos conxuntos de textos entre os que destaca a XV edición do Premio Francisco Añón, do Concello de Outes, acadado en 2011. Ten publicado ocasionalmente algúns poemas no magazine dixital Achtung.
A propósito de Testamento poético, a súa autora di que “o poemario está adicado a poeta Eva Veiga e, nela, a todas as mulleres que tiveron e teñen que medrar contra un modelo no que non acaban de encaixar de todo”.
O libro de Marisol Gándara aparecerá publicado o próximo ano na editorial de poesía Espiral Maior. Pero antes, o próximo sábado ás 20.00, farémoslle entrega do diploma acreditativo do Premio, ademais dos 500 € (menos impostos) con que está dotado este ano o Premio. Por último, Marisol recibirá unha peza do ceramista Francisco Pérez Porto, fillo de Xosemaría Pérez Parallé.
marisol gándara
Para celebrar o XXV aniversario do certame, o acto contará tamén coa participación de varios dos gañadores e gañadoras dos últimos anos que farán un pequeno recital: Mario Regueira, Xiana Arias, Susana Sánchez Aríns, Ramón Neto e Lorena Souto amosarán o camiño que teñen percorrido despois de obteren o Premio.
O acto pecharase coa actuación do Coro da Ra, dirixido por Ramón Bermejo.

a noiva e o navio

Susana Sánchez Arins, gañadora da XXI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé en 2008 co libro [de]construçom, vén de publicar o seu segundo libro de poemas, a noiva e o navio, en Através Editora. O libro pódese mercar en Imperdível, a tenda on-line da Associaçom Galega da Lingua (AGAL).susana aríns-a noiva e o navio

Ten un blogue para darlle vida ás cousas que ocorren arredor deste libro. Podedes velo facendo clic aquí.

Mentres tanto, agarda a publicación dun outro poemario, aquiltadas, que verá luz en Estaleiro Editora.

A familia do Premio Pérez Parallé está orgullosa de ver como os autores e autoras que empezaron publicando connosco, van facendo camiño de seu nas estradas da poesía galega.

Noraboa para Susana!

 

Marilar Aleixandre recomenda o último libro gañador do Pérez Parallé

No blog da editorial Galaxia existe unha columna chamada “Recoméndacho”. Nela, un escritor ou escritora aconsella a lectura dun ou varios libros.

marilar aleixandre

Nesta ocasión, traído dun artigo publicado en Sermos Galiza, Marilar Aleixandre recomenda a lectura de Fase de trema, o libro co que Lorena Souto obtivo a última edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé.

Afiado como espiña, Fase de trema, o primeiro poemario de Lorena Souto (Espiral Maior): “Preparo comida para catro semanas / e dedícome a morrer todas as súas mortes”.

 

 

Ramón Neto faise co González Garcés

Ramón Neto, quen no seu día obtivera o Pérez Parallé pola súa obra A estación única dunha illa vén de obter o premio Miguel González Garcés outorgado pola Deputación da Coruña cun libro titulado As Lavandas adáptanse a todo erro de navegación.

ramón neto

O González Garcés ten unha longa e sonora historia e obtivérono, entre outros, Ramiro Fonte, Medos Romero, Miguel-Anxo Fernán Vello, Manuel Álvarez Torneiro, Estevo Creus, Marta Dacosta, Luz Pozo Garza ou Xosé María Álvarez Cáccamo.

Esta nova énchenos de ledicia.

 

Publicadas as bases da XXV edición do Premio

Xa está aberto o prazo para remitir os vosos libros para participar na XXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé.

Podedes consultalas nesta páxina ou descargalas en formato PDF.

Neste ano de celebración dos 25 anos do Premio, engadimos unha gratificación simbólica de 500 € para o autor ou a autora do libro gañador.

O prazo está aberto até os primeiros días do outono, pero non o deixedes para última hora!

Lorena Souto presentou Fase de Trema en Compostela

Onte, na libraría Couceiro de Santiago de Compostela, tivo lugar a segunda presentación de Fase de Trema, o poemario co que Lorena Souto obtivo a XXIV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé.
presentación lorena souto en compostela
Como no acto do pasado día 16 de maio en Fene, a autora estivo acompañada da crítica literaria Antía Marante. Ademais, nesta ocasión contou coa presenza da escritora e profesora Manuela Palacios e mais do editor do libro, o poeta Miguel Anxo Fernán Vello.
presentación lorena souto en compostela
presentación lorena souto en compostela
O acto contou cunha boa participación de amigos de Lorena que ao remate fixeron cola para poder levar un exemplar asinado.

pd: Grazas a Mario Regueira polas fotos!

Presentado o libro gañador da XXIV edición do Premio

O mércores pasado, véspera do día das Letras, presentouse no Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene Fase de trema, o libro co que Lorena Souto obtivo o ano pasado a XXIV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé.
presentación lorena souto fene
A autora estivo acompañada por Antía Marante, crítica literaria que fixo unha boa disección da obra gañadora.
O acto estivo presidido por José Manuel Romero, presidente do Círculo e mais contou coa participación do alcalde de Fene, Gumersindo Galego.
presentación lorena souto fene
Desta volta, tamén o público acompañou: a sala estaba como nos seus mellores tempos, chea de amigos, familiares e socios do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade que puideron presenciar, unha vez finalizado o acto, da representación de A Sobela, texto teatral de Xosemaría Pérez Parallé, a cargo do grupo de teatro que leva o seu nome, adaptado por Carlos Basoa.
presentación lorena souto fene