Paula Currás Prada, gañadora do Parallé 2025

Hai uns días tivo lugar a reunión do xurado da edición XXXVIII do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade, en Fene.

Tras a deliberación, foi escollida como gañadora a obra titulada Vestiario que, aberta a plica, resultou ser de Paula Currás Prada.

Paula naceu e vive en Cambre. É doutora en poesía norteamericana pola Universidade da Coruña onde actualmente exerce como profesora e investigadora. A súa produción poética (en inglés e galego, respectivamente) foi publicada nas revistas Porridge e Dorna. En 2024 obtivo o segundo premio de poesía Díaz Jácome para novos creadores, así como o XXXI Premio Xoán Díaz de Cambre en 2025.

Como se ve na primeira foto, o xurado deste ano estivo integrado polas poetas Lucía Aldao, Silvia Penas, dúas voces destacadas da poesía galega, con notable traxectoria tamén na poesía escénica e na música, acompañadas de Xosé Carlos Carracedo Porto, gañador do certame en 2023.

O próximo sábado 22 ás 20:30, na sede do Círculo Mercantil e Industrial de Fene entregarémoslle a Paula o seu Premio Pérez Parallé e pasará a formar parte da fantástica nómina de autoras e autores que conforman a nosa familia. Benvida!

“pequena vida salvaxe”

Hai uns días tivo lugar na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene a presentación de pequena vida salvaxe, o libro co que Roberto X. Hermida obtivo o XXXVII edición do Premio Pérez Parallé.

Roberto estivo acompañado pola presidenta do CMI, Paula Romero, a nova alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e por Miguel Anxo Fernán Vello, director da colección de poesía Espiral Maior que publica o libro.

Como introdución do evento, guiado como é habitual por Enrique Sanfiz, Eric Sardiña e Ignacio García leron dous poemas de homenaxe a Palestina de Darío Xoán Cabana e do propio Miguel Anxo Fernán Vello.

Velaquí algunhas fotos do evento.

O próximo 7 de novembro Roberto presentará o libro na Biblioteca Municipal das Pontes continuando o que agardamos sexa unha longa andaina literaria.

Dous anos e un máis

Tiñamos un pouco abandonado este boletín de novidades do Premio. Desde 2023 non deixamos constancia aquí das convocatorias dos certames e os seus libros gañadores. Fagamos, pois, reconto.

Na convocatoria XXXVI, en 2023, o Premio Pérez Parallé obtívoo o compostelán Xosé Carlos Carracedo Porto co seu libro Utensilios de cociña e algúns xantares caleidoscópicos.

Carlos tiña xa publicados dous libros de narrativa e, despois de obter o Parallé, fíxose co premio Exeria para proxectos literarios que lle concedeu unha estadía nunha residencia de escritores en Italia para escribir o seu seguinte proxecto.

O xurado de 2023 estivo composto polas escritoras Ana Varela e Alba Cid acompañadas de Anxo Mena (gañador da edición de 2021).

A convocatoria de 2024 premiou o libro Pequena vida salvaxe, do biólogo e divulgador Roberto X. Hermida nado en Vilagarcía de Arousa e residente nas Pontes de García Rodríguez.

O xurado de 2024 estivo composto por Ismael Ramos, Xabier Xil Xardón e Gisele Mato, gañadora do certame en 2022. Roberto está a precisar algo máis de paciencia do habitual porque o seu libro, por razóns de forza maior, aínda non saíu da imprenta. Farao estes días e presentarémolo en setembro.

Mentres tanto, xa está aberto o prazo para a convocatoria deste ano. Podedes consultar as bases aquí o descargalas en formato PDF facendo clic aquí.

Gisela Mato presenta “fraxilidades”

Onte, na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, Gisela Mato presentou o seu poemario fraxilidades, gañador da XXXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé.

O acto (presentado como é costume por Henrique Sanfiz) contou coa presencia do alcalde de Fene, Juventino Trigo, da presidenta do CMI, Paula Romero e do editor do libro, Miguel Anxo Fernán Vello, director de Edicións Espiral Maior.

Pechou o acto a actuación de Fran Amil, co seu espectáculo “Popsía”.

Velaquí algunhas fotos do acto.

Convocada a XXXV edición do Premio

Un ano máis convócase a XXXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, destinado a premiar un libro de poemas individual de autor ou autora inédita.

A presente edición contará cunha dotación económica de 3000 € (coas preceptivas retencións) e a publicación da obra gañadora en Edicións Espiral Maior.

As bases do certame poden verse aquí e descargarse en formato PDF aquí.

Anxo Mena faise coa XXXIV edición do certame

O xurado da XXXIV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé resolveu hai uns días outorgar o premio deste ano ao libro Alimentar canarios con ovos da casa que, aberta a plica, resultou ser do poeta Anxo Mena.

O pasado sábado, como é habitual cada penúltimo sábado de novembro, na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, o autor de Carral recibiu o diploma e o emblema do certame nun acto que contou coa presenza da Presidenta do CMI-Unidade, Paula Romero, do Alcalde de Fene, Juventino Trigo e de Sara Plaza, gañadora do certame en 2020, quen simbolizou coa súa participación a continuidade do certame.

O xurado deste ano estivo formado por Inma Otero, crítica literaria, Ramiro Torres, poeta, e Regina Touceda, gañadora do certame en 2019. O libro galardoado verá luz o próximo mes de maio na editorial Espiral Maior.

Velaquí algunhas fotos do acto de entrega:

Ábrese a convocatoria da XXXIV edición do Premio Pérez Parallé

Xa está aberta a convocatoria para presentar orixinais á XXXIV convocatoria do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. O certame está dirixido a autores e autoras sen libro individual de poesía publicado. O prazo de recepción de obras pecha o 17 de setembro. Poden consultarse as bases aquí ou descargarse en formato PDF facendo clic aquí.

Presentación en Fene de _todos os pasos fan ruído_

Onte tivo lugar en Fene a presentación de todos os pasos fan ruído, o libro co que Sara Plaza obtivo o seu XXXII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Foi ocasión de, contra vento e virus, reunirnos novamente na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade para celebrar a aparición dun novo libro, froito do esforzo conxunto que este certame significa e do que tan orgullosas e orgullosos estamos.

E puido por fin Sara Plaza achegarse á sede do CMI-Unidade xa que a entrega do premio, en novembro, tivo que ser telemática.

O acto, presentado estupendamente, como é habitual, por Henrique Sanfiz, inaugurouno a Presidenta do CMI-Unidade, Paula Romero quen deu a benvida e agradeceu o apoio do Concello. Deu paso, a continuación, á intervención do Alcalde, Juventino Trigo, quen louvou a figura de Xela Arias e o traballo do CMI para soster durante tantos anos un certame que, paso a paso, consolida o seu prestixio.

A continuación Eduardo Estévez fixo unha primeira introdución ao libro premiado falando no seu nome e mais leu o texto que preparara para a ocasión Regina Touceda, gañadora do ano anterior, quen ía presentar o libro pero non puido estar presente por atoparse preventivamente confinada pola pandemia, como tamén lle aconteceu ao editor do libro, Miguel Anxo Fernán Vello.

Ao cabo, Sara Plaza agradeceu novamente o premio e a posibilidade de ver publicado o seu libro e recitou unha selección de textos ante a ollada atenta do público presente, familia e amigos chegados, como dixo ela mesma, “desde preto, desde lonxe e desde moi lonxe”.

O acto rematou coa actuación de Su Garrido Pombo, un peche brillante para un acto trazado pola sinxeleza e a cordialidade.

Velaquí algunhas fotos (agradecemento especial a Xosé Lois Santos Cabanas quen fixo as fotos de Sara e Eduardo na mesa).