O xurado da XXXIV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé resolveu hai uns días outorgar o premio deste ano ao libro Alimentar canarios con ovos da casa que, aberta a plica, resultou ser do poeta Anxo Mena.
O pasado sábado, como é habitual cada penúltimo sábado de novembro, na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, o autor de Carral recibiu o diploma e o emblema do certame nun acto que contou coa presenza da Presidenta do CMI-Unidade, Paula Romero, do Alcalde de Fene, Juventino Trigo e de Sara Plaza, gañadora do certame en 2020, quen simbolizou coa súa participación a continuidade do certame.
O xurado deste ano estivo formado por Inma Otero, crítica literaria, Ramiro Torres, poeta, e Regina Touceda, gañadora do certame en 2019. O libro galardoado verá luz o próximo mes de maio na editorial Espiral Maior.
Hoxe pola mañá reuniuse (de forma telemática) o xurado da XXXIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Estivo integrado pola poeta Lucía Novas, a crítica literaria Iris Cochón e Carlos Lixó, gañador do certame en 2017.
Este ano houbo 76 libros a concurso, unha das cifras maiores da historia do premio. E o nivel xeral das obras presentadas foi moi destacable, o que sempre complica a toma de decisións. Porén, aínda que a reunión levou o seu tempo, desde o comezo semellaba que había coincidencia no libro gañador, que foi o primeiro que chegou cando abrimos o prazo alá a comezos de agosto e que se titula todos os pasos fan ruído.
Cando finalmente a decisión estivo tomada e fomos recuperar a plica, resultou que, detrás do libro, estaba un nome completamente descoñecido para as persoas que estabamos alí presentes: Sara Plaza Moreno non gañou premios do Día das Letras no instituto nin se presentou a concursos de relatos nin publicou poemas en revistas. Ela (isto soubémolo despois, cando collemos o teléfono para contarlle a nova) naceu e criouse nunha vila da serra de Madrid. Aprendeu o galego para poder comunicarse na súa lingua cun mozo galego independentista que cumpría condena en Madrid. Aprendeu ela soa: lendo as cartas que lle chegaban do cárcere, lendo poesía, escoitando e tendo o espírito aberto.
Namorouse de Galiza e finalmente en 2019 decidiuse a vir e instalouse en Lugo onde cursa un mestrado de pedagoxía dos espazos naturais na USC. En Lugo comezou a falar a lingua que xa lía e na que era quen de escribir. E é sorprendente o ben que fala, o fantástico acento que ten, os pouquísimos erros que comete (ou ningúns).
Agardamos axiña poder compartir con ela o acto de entrega do Premio en Fene. De partida, mantemos a esperanza de facelo na data prevista, o sábado 21 de novembro. Estamos felices de sumar a Sara á familia do Premio que ano a ano medra ben.
Onte, 16 de novembro, tivo lugar en Fene o acto de entrega da XXXII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Nesta ocasión, o premio recaeu no libro Deriva, de Regina Touceda. O xurado estivo integrado por Lorena Souto, gañadora do certame en 2011, e as poetas Daniel Salgado e Elvira Ribeiro. Esta última acompañou a gañadora no acto de entrega do galardón.
Como cada ano, o acto contou coa participación do Alcalde de Fene, Gumersindo Galego, así como da Presidenta do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, Paula Romero.
Regina Touceda é a máis nova das gañadoras do Premio Pérez Parallé. Naceu en Cuntis en 1999 e é estudante de filoloxía galega. O Premio sorprendeuna en Cork, onde está de Erasmus, pero en poucos minutos xa tiña un billete para poder estar presente no acto de entrega do Premio.
O libro gañador verá luz en Espiral Maior no próximo mes de maio.
Aquí podedes ver o texto que a gañadora leu no acto de entrega do premio.
O pasado 11 de novembro reuniuse o xurado da XXX edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Estivo integrado por Chus Nogueira (ensaísta e Presidenta da Asociación Galega da Crítica), María Lado (poeta de Cee, autora dunha importante obra e moi coñecida pola súa faceta como recitadora) e Jesús Castro Yáñez (gañador do Premio en 2015).
De entre as 61 obras presentadas, e tras unha pormenorizada discusión, escolleron por unanimidade a obra presentada baixo o título murallas de pedra sen cemento que duran para sempre. Unha vez aberta a plica, o libro resultou ser da autoría de Carlos Lixó Gómez.
O gañador naceu en Carreira (Ribeira) e é graduado en Historia. Actualmente está preparando a tese de doutoramento en Historia Medieval. Obtivo dúas veces o premio de relatos curtos do Concello de Cambre e o terceiro premio de relatos curtos do Concello de Ames. Algún poema seu foi publicado na revista Dorna. É colaborador de opinión no xornal dixital Sermos Galiza.
Foto: Concello de Fene
O acto de entrega tivo lugar o sábado 18, na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade. Fixeron entrega do premio a presidenta do CMI, Paula Romero, e o alcalde de Fene, Juventino Trigo.
No acto participaron tamén nenos e nenas dos colexios públicos O Ramo, de Barallobre, e Os Casais, de Maniños. Entre todos, leron un traballo que prepararan sobre a vida de Xosemaría Pérez Parallé e mais recitaron algúns dos seus poemas.
Pechou o acto, como é habitual, a Rondalla Estrelecer, dirixida por Javier Amado.
O libro de Carlos Lixó será publicado por Espiral Maior. O acto de presentación está previsto para o mes de maio do próximo ano.
O xurado da XXVIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, formado por Estíbaliz Espinosa, Estevo Creus e Fran Cortegoso, escolleu hoxe o libro Os nomes e os himnos como obra gañadora da edición deste ano do certame.
Aberta a plica, descubriuse o nome do autor: Jesús Castro Yáñez, poeta nado en Baltar, A Pastoriza, en 1992.
O gañador obtivo, antes deste, outros premios pola súa obra poética: o Minerva, o Xela Arias ou o Ánxel Casal son algúns deles. Recentemente foi galardoado co I Premio de relato breve Nélida Piñón do concello de Cotobade polo relato “O vello e o minotauro”.
O Premio Pérez Parallé, convócase desde hai xa case trinta anos no Centro Mercantil e Industrial Unidade, de Fene. Colabora con el o Concello de Fene e a editorial Espiral Maior, dirixida polo poeta Miguel Anxo Fernán Vello, que publicará a obra gañadora.
O próximo sábado 21 de novembro terá lugar na sede do Círculo Mercantil a entrega dao premio, nun acto que contará coa presenza de Juventino Trigo, alcalde de Fene e coa actuación da rondalla Estrelecer.
O poeta catalán Eduard Velasco obtivo a XXVII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé co libro titulado Ruído de trens.
O xurado, conformado por Carlos Quiroga, Mariña Pérez Rei e Gonzalo Hermo, reuniuse onte á noite na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene e debatiu sobre os títulos presentados. Foi unha discusión intensa na que destacaron varios libros. Dous deles, ademais do gañador, figuran na acta por decisión do xurado: son os presentados baixo os pseudónimos de “Xarda” e “Malãkh”.
O xurado do premio acordou por unanimidade deixar constancia na acta “que, en coherencia coa tradición e Historia do Galeguismo, recusa a censura normativa pola que veñen sendo vitimados galegos e galegas que viven a súa lingua como sendo común coa doutras sociedades. No caso dos premios literarios, a calidade artística das propostas non debe ser desconsiderada por seguir unha escolla diferente da pretendidamente oficial para a nosa lingua, polo que aplicaron este criterio na súa avaliación dos traballos presentados á convocatoria de 2014. Tamén adhiren á campaña “Galego em liberdade” e suxiren aos organizadores deste premio –e eventualmente de todos os premios literarios de Galiza- que incorporen ás súas bases a non discriminación por cuestión de norma ou modelo lingüístico, contribuíndo a que as actitudes censoras fiquen como unha reliquia do pasado.”
(A foto é da poeta Alicia Fernández).
Eduard Velasco é licenciado en filoloxía catalá e en filoloxía galega pola Universitat de Barcelona e reside en Galiza desde 2006.
Ten desenvolvido traballos de tradución entre o galego e o catalán, participou en Cataluña en programas de radio en galego e está adicado ao intercambio entre as culturas galega e catalá.
Recentemente obtivo, cun pequeno conxunto de poemas, o Premio Leiras Pulpeiro que convoca o Concello de Mondoñedo.
A entrega do premio terá lugar o sábado 15 de novembro na sede do Círculo Mercantil en Fene, nun acto que comezará ás 20h e que contará coa participación, como xa é habitual, da rondalla “Estrelecer”.
Finalmente, onte pola mañá reuniuse o xurado da XXVI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Foi na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade, en Fene.
O xurado desta edición estivo composto por Ramón Blanco, poeta de Outes, autor dun dos libros de poemas máis exitosos do pasado ano, Emily on the road; Olalla Cociña, poeta residente en Santiago de Compostela, aínda que nada en Viveiro, autora de catro libros de poemas cos que obtivo algúns premios e o unánime recoñecemento da crítica, é a organizadora dun ciclo poético en Compostela chamado Picaversos, que xa vai pola terceira etapa con grande éxito de público; completaba o xurado Marisol Gándara Sánchez, autora da obra gañadora da edición anterior do Premio, Ata o corazón da mazá.
Tras unha interesante discusión a propósito dos libros presentados a concurso, o xurado resolveu outorgar o Premio deste ano ao titulado Memorial & danza que resultou ser da autoría de Fran Cortegoso.
Este mozo, nado en Pontevedra en 1985, leva uns anos amosando a súa obra poética con gran éxito por publicacións periódicas e mesmo algunhas antoloxías como A cidade na poesía galega do século XXI ou a Guía viva de ortodoxos e heterodoxos en la poesía contemporánea gallega.
Tal e como consta na acta, o xurado “valorou no libro a descuberta dunha voz singular cun contido alento reflexivo despregado nunha sintaxe pouco convencional e un ritmo coidado. O poemario apóiase en luminosas imaxes cun forte enraizamento no fluír temporal da natureza”.
O autor atópase percorrendo mundo e á nova da concesión do premio respondeu desde algún lugar da India. Xa que logo, non poderá estar presente na entrega do premio que terá lugar este sábado. Na súa representación, participarán do acto dous poetas novos pero cunha traxectoria xa consolidada: Gonzalo Hermo lerá un texto enviado por Fran e Alicia Fernández, membro da executiva da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, lerá algúns dos poemas do libro premiado.
Agardámosvos, pois, para compartir este momento o sábado 16 ás 20h na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade, en Fene.
Esta tarde reuniuse en Fene o xurado da XXIV edición do Premio. Estivo conformado por Rosa Aneiros, Andrea Nunes e Marica Campo.
Tras a deliberación, decidiron por unanimidade escoller a obra titulada Fase de trema. Aberta a plica, a obra resultou ser da autoría de Lorena Souto, licenciada en Filoloxía pola Universidade de Santiago, membro do consello de redacción da revista Dorna que obtén, con este premio, o primeiro galardón da súa esperamos que longa carreira literaria.
Lorena naceu no Páramo en 1983 e reside en Compostela.
O pasado venres reuniuse na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade, o xurado da XXIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Desta volta estivo integrado por Pedro Casteleiro, Antía Otero e Ramón Neto.
Despois da discusión, resultou escollido o libro titulado Nómade, presentado baixo o pseudónimo “Verdecente”. Aberta a plica, resultou ser da autoría de María Rosendo Priego.
Nada en Vigo en 1984, María escribe poesía desde os 17 anos. Realizou estudos de filoloxía inglesa que, máis tarde, compaxinará cos de educación social.
En 2007 viaxa a cidade de Bos Aires para vivir no hemisferio austral durante un ano. Será precisamente nesta andaina onde comeza a nacer a poética deste poemario, Nómade.
Participou en recitais poéticos coas Redes Escarlata ou na II “Rebelión da décima musa”, nas festas do Barrio de San Pedro en Compostela. Non ten ningún texto publicado. Nómade é, tal como se indica nas bases do premio, o primeiro libro da autora que verá luz, e será daquí a uns poucos meses na colección de poesía Espiral Maior.
Na actualidade María Rosendo vive en Compostela onde traballa en produción teatral coa compañía Berrobambán.