Hoxe pola mañá reuniuse (de forma telemática) o xurado da XXXIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Estivo integrado pola poeta Lucía Novas, a crítica literaria Iris Cochón e Carlos Lixó, gañador do certame en 2017.
Este ano houbo 76 libros a concurso, unha das cifras maiores da historia do premio. E o nivel xeral das obras presentadas foi moi destacable, o que sempre complica a toma de decisións. Porén, aínda que a reunión levou o seu tempo, desde o comezo semellaba que había coincidencia no libro gañador, que foi o primeiro que chegou cando abrimos o prazo alá a comezos de agosto e que se titula todos os pasos fan ruído.
Cando finalmente a decisión estivo tomada e fomos recuperar a plica, resultou que, detrás do libro, estaba un nome completamente descoñecido para as persoas que estabamos alí presentes: Sara Plaza Moreno non gañou premios do Día das Letras no instituto nin se presentou a concursos de relatos nin publicou poemas en revistas. Ela (isto soubémolo despois, cando collemos o teléfono para contarlle a nova) naceu e criouse nunha vila da serra de Madrid. Aprendeu o galego para poder comunicarse na súa lingua cun mozo galego independentista que cumpría condena en Madrid. Aprendeu ela soa: lendo as cartas que lle chegaban do cárcere, lendo poesía, escoitando e tendo o espírito aberto.
Namorouse de Galiza e finalmente en 2019 decidiuse a vir e instalouse en Lugo onde cursa un mestrado de pedagoxía dos espazos naturais na USC. En Lugo comezou a falar a lingua que xa lía e na que era quen de escribir. E é sorprendente o ben que fala, o fantástico acento que ten, os pouquísimos erros que comete (ou ningúns).
Agardamos axiña poder compartir con ela o acto de entrega do Premio en Fene. De partida, mantemos a esperanza de facelo na data prevista, o sábado 21 de novembro. Estamos felices de sumar a Sara á familia do Premio que ano a ano medra ben.