Regina Touceda xa ten o seu Premio Pérez Parallé

Onte, 16 de novembro, tivo lugar en Fene o acto de entrega da XXXII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Nesta ocasión, o premio recaeu no libro Deriva, de Regina Touceda. O xurado estivo integrado por Lorena Souto, gañadora do certame en 2011, e as poetas Daniel Salgado e Elvira Ribeiro. Esta última acompañou a gañadora no acto de entrega do galardón.

Como cada ano, o acto contou coa participación do Alcalde de Fene, Gumersindo Galego, así como da Presidenta do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, Paula Romero.

Regina Touceda é a máis nova das gañadoras do Premio Pérez Parallé. Naceu en Cuntis en 1999 e é estudante de filoloxía galega. O Premio sorprendeuna en Cork, onde está de Erasmus, pero en poucos minutos xa tiña un billete para poder estar presente no acto de entrega do Premio.

O libro gañador verá luz en Espiral Maior no próximo mes de maio.

Aquí podedes ver o texto que a gañadora leu no acto de entrega do premio.

E aquí algunhas fotos do acto.

Presentación de A tarde. O desacougo., de Amauta Castro

Hai uns días tivo lugar na sede do CMI-Unidade de Fene a presentación do libro gañador da XXI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé: A tarde. O desacougo., de Amauta Castro, publicado por Espiral Maior.

Deu a benvida ao acto a presidenta do CMI, Paula Romero e, a continuación, interveu o alcalde de Fene, Gumersindo Gallego.

A presentación do libro estivo a cargo de Eduardo Estévez, escritor e coordinador do certame.

Tras a participación do autor, pechou o acto o dúo Sanjurjo e Dopico.

Velaquí algunhas imaxes.

Presentación de A tarde. O desacougo.

O próximo sábado 11 ás 21h na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade, en Fene, terá lugar a presentación do libro A tarde. O desacougo., de Amauta Castro, gañador da XXXI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé.

Participarán do acto, ademais do autor, a Presidenta do CMI, Paula Romero, o alcalde de Fene, Gumersindo Galego e o editor do libro, Miguel Anxo Fernán-Vello.

Pecharase a velada coa actuación de Sanjurjo e Dopico.

Presentación do libro gañador do Parallé 2014

O pasado venres tivo lugar na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade, en Fene, a presentación de Ruído de trens, o libro co que Eduard Velasco obtivo a XXVII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé en 2014.
O acto iniciouse cunha intervención do presidente do CMI, José Manuel Romero e a continuación interviu Gumersindo Galego, alcalde de Fene. A continuación, e no que foi o acto literario principal, participou Miguel Anxo Fernán Vello, director de Espiral Maior e editor do libro, Lara Dopazo Ruibal, xornalista, quen actuou como madriña do libro e, por último, o autor, Eduard Velasco quen, tras os agradecementos, leu algúns poemas do libro.
O peche musical estivo a cargo do conxunto vocal Sondenós quen interpretou, ademais dun repertorio de música internacional, algúns poemas de autores galegos desde Rosalía de Castro a Séchu Sende.
Velaquí algunhas fotos do acto e mais o texto co que Lara Dopazo Ruibal presentou o libro.

pitusa

alcalde

lara

eduard

sondenos

foto_de_familia

Eduard Velasco recibiu onte o seu Premio Pérez Parallé

Nun acto celebrado onte no Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, o poeta catalán-galego Eduard Velasco recibiu o seu Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé.
premio eduard
O acto contou coa participación, ademais do Presidente do Círculo, do Alcalde de Fene, Gumersindo Galego e o profesor e poeta Carlos Quiroga, que estivo presente en representación do xurado do Premio.
Pódense ver unhas fotos do acto neste album de Facebook.