O XXX Premio Pérez Parallé, para Carlos Lixó

O pasado 11 de novembro reuniuse o xurado da XXX edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Estivo integrado por Chus Nogueira (ensaísta e Presidenta da Asociación Galega da Crítica), María Lado (poeta de Cee, autora dunha importante obra e moi coñecida pola súa faceta como recitadora) e Jesús Castro Yáñez (gañador do Premio en 2015).
De entre as 61 obras presentadas, e tras unha pormenorizada discusión, escolleron por unanimidade a obra presentada baixo o título murallas de pedra sen cemento que duran para sempre. Unha vez aberta a plica, o libro resultou ser da autoría de Carlos Lixó Gómez.

O gañador naceu en Carreira (Ribeira) e é graduado en Historia. Actualmente está preparando a tese de doutoramento en Historia Medieval. Obtivo dúas veces o premio de relatos curtos do Concello de Cambre e o terceiro premio de relatos curtos do Concello de Ames. Algún poema seu foi publicado na revista Dorna. É colaborador de opinión no xornal dixital Sermos Galiza.

Foto: Concello de Fene

O acto de entrega tivo lugar o sábado 18, na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade. Fixeron entrega do premio a presidenta do CMI, Paula Romero, e o alcalde de Fene, Juventino Trigo.

No acto participaron tamén nenos e nenas dos colexios públicos O Ramo, de Barallobre, e Os Casais, de Maniños. Entre todos, leron un traballo que prepararan sobre a vida de Xosemaría Pérez Parallé e mais recitaron algúns dos seus poemas.

Pechou o acto, como é habitual, a Rondalla Estrelecer, dirixida por Javier Amado.

O libro de Carlos Lixó será publicado por Espiral Maior. O acto de presentación está previsto para o mes de maio do próximo ano.

Presentación d’Os nomes e os himnos

O próximo sábado 14 de maio ás 20h nas dependencias do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade en Fene terá lugar a presentación do libro gañador da XXVIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé.
jesus_castro_nomes_himnos
Os nomes e os himnos, obra de Jesús Castro Yáñez será presentado polo autor, quen estará acompañado da xornalista Lara Dopazo Ruibal, quen fará a introdución literaria.
Estarán presentes no acto, como é habitual, o alcalde de fene, Juventino Trigo e mais a Presidenta do CMI, Paula Romero.

Jesús Castro Yáñez recibe o seu Premio Pérez Parallé

Onte á noite, na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade, en Fene, foi entregado o XXVIII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé ao gañador deste ano, o poeta chairego Jesús Castro Yáñez.

jesus_castro

Entregaron o galardón o alcalde de Fene, Juventino Trigo e o presidente do Círculo, José Manuel Romero.
O acto pechouse, como é habitual, coa actuación da rondalla Estrelecer do Círculo Mercantil.

mesa

O autor recibiu o galardón pola súa obra Os cantos e os himnos. O xurado do Premio, integrado por Estíbaliz Espinosa, Fran Cortegoso e Estevo Creus escolleu a obra de entre as 27 presentadas considerando que “conforma un libro orgánico, con vontade de medrar en cada parte (desde o Nome ao Himno) e unha procura metafísica a través da lingua literaria. O tema da identidade a través do nomeamento do mundo, a sonoridade líquida da lingua e o uso dunha linguaxe clara para unha poesía que camiña por territorios que poden soar familiares (o xardín, o río) mais rozando certa abstracción. Unha poesía fonda e de teor filosófico que adentra en preguntas sobre o ser e o territorio. A voz do libro é unha voz limpa e nova, mais cunha madurez lírica considerable.”

O Premio Pérez Parallé outorga ao autor da obra gañadora 1000 euros e unha peza de cerámica de Sargadelos co retrato de Pérez Parallé da autoría do debuxante Siro, que é a imaxe do Premio desde hai máis de dez anos.
O libro será publicado pola editorial Espiral Maior e presentarase en Fene no próximo mes de maio.

Jesús Castro Yáñez obtén o XXVIII Premio Pérez Parallé

O xurado da XXVIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, formado por Estíbaliz Espinosa, Estevo Creus e Fran Cortegoso, escolleu hoxe o libro Os nomes e os himnos como obra gañadora da edición deste ano do certame.
xurado_paralle_2015
Aberta a plica, descubriuse o nome do autor: Jesús Castro Yáñez, poeta nado en Baltar, A Pastoriza, en 1992.
O gañador obtivo, antes deste, outros premios pola súa obra poética: o Minerva, o Xela Arias ou o Ánxel Casal son algúns deles. Recentemente foi galardoado co I Premio de relato breve Nélida Piñón do concello de Cotobade polo relato “O vello e o minotauro”.
O Premio Pérez Parallé, convócase desde hai xa case trinta anos no Centro Mercantil e Industrial Unidade, de Fene. Colabora con el o Concello de Fene e a editorial Espiral Maior, dirixida polo poeta Miguel Anxo Fernán Vello, que publicará a obra gañadora.
O próximo sábado 21 de novembro terá lugar na sede do Círculo Mercantil a entrega dao premio, nun acto que contará coa presenza de Juventino Trigo, alcalde de Fene e coa actuación da rondalla Estrelecer.