Mario Regueira continúa navegando

O blog de Edicións Xerais faise eco dunha entrevista a Mario Regueira que publica a revista “Que leer”. A nota asínaa o crítico Ramón Nicolás.

Xa sabedes o que nos aleda ver que os gañadores do Premio Pérez Parallé van construíndose o seu camiño no mundo das letras.

O de Mario non é pequeno, con xa varias novelas e libros de poemas publicados, e a última novela (Outono aquí) traducida ao castelán (Las hojas muertas) en Pulp Books, como xa vos contamos hai un tempo.

Mario Regueira en castelán

Vimos de saber con alegría que está a piques de aparecer a edición en castelán de Outono aquí, a última novela de Mario Regueira, gañador da XVIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé.

O libro aparece na colección Pulp Books baixo o título de Las hojas muertas.

A inclusión deste libro na colección Pulp Books, creada para difundir obras remarcábeis da literatura galega entre o público español, é un recoñecemento para esta novela coa que Mario Regueira obtivo en 2011 o Premio de Novela Curta Lueiro Rey, convocado polo concello do Grove.

las hojas muertas

O libro de Marisol Gándara na prensa

Ata o corazón da mazá, o libro co que Marisol Gándara Sánchez obtivo a última edición do Pérez Parallé, está a recibir unha boa acollida da crítica.

Neste mes de xullo, Ramón Nicolás dedicoulle ao libro de Marisol unha entrada do seu blog “Caderno da crítica” e mais Mario Regueira fixo o propio nunha das súas columnas na edición impresa de Sermos Galiza.

mario regueira escribe sobre marisol gandara

E non imos negar que nos gusta ver como, en todas cantas ocasións se fala dun libro gañador do noso Premio, sempre hai un espazo para destacar o papel que o certame ten na descuberta de voces cun perfil novidoso e de calidade.

Ademais do mérito indubidable que corresponde aos autores e autoras de cada libro, hai que destacar, desde o noso lado, o papel sempre acertado das diferentes persoas que, ao longo destes anos, fixeron parte do xurado do Premio. Felicitámolos e agradecémoslles unha e outra vez o seu traballo.

 

Fase de Trema e Mario Regueira finalistas dos premios AELG

O poemario Fase de Trema, de Lorena Souto, gañador da XXIV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé é un dos libros finalistas na categoría de poesía dos premios que convoca a Asociación de Escritores en Lingua Galega para os mellores libros publicados no ano 2012.

Un novo éxito en si mesmo para o libro de Lorena, que xa foi hai pouco finalista dos premios da Asociación de Editores.

Tamén figura na lista o libro O silencio, de Mario Regueira, quen fose gañador do Parallé en 2005.

Vansenos acabando as fotos dos nosos autores e autoras gañadoras do premio para celebrarmos neste blogue cada un dos seus éxitos!!

 

Lorena Souto e Mario Regueira finalistas dos Premios da Edición

lorena souto

O libro gañador da XXIV edición do Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé, Fase de trema, de Lorena Souto, é un dos finalistas dos Premios da Edición 2012, convocados pola Asociación Galega de Editores (AGE) para premiar as mellores obras publicadas no ano.

fase de trema

Pola súa banda, Mario Regueira, gañador da XVIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé aparece nas listaxes de finalistas con dous títulos.

mario regueira

A novela Outono aquí, publicada por Sotelo Blanco, é finalista na categoría de libros de ficción e libro de poemas O silencio, publicado en Xerais, na de poesía ou teatro.

mario regueira-o silencio

Desde o Premio Pérez Parallé desexámoslles sorte no reparto final e, en todo caso, dámoslles a noraboa porque chegar aquí xa é un grande mérito. Os gañadores e as gañadoras do Parallé dannos unha e outra vez motivo para estarmos orgullosos deles e do noso Premio.

 

Acto de entrega da XXV edición do Premio

O sábado tivo lugar o acto de entrega da XXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. No acto, Marisol Gándara Sánchez recibíu o diploma acreditativo e mais a peza de cerámica que representa o premio e é obra de Francisco Pérez Porto, fillo de Xosemaría Pérez Parallé.
entrega do parallé a marisol gándara

Na mesa presidencial do acto, acompañando á gañadora deste ano, estivo José Manuel Romero, presidente do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade e Gumersindo Galego, alcalde de Fene.
Marisol adiantounos un poema do libro premiado, presentado ao certame co título Testamento poético (“aínda que é probábel -comentou-, que finalmente acabe por cambiarlle o título”).
A continuación tivo lugar un pequeno e emotivo recital a cargo de algúns dos gañadores e gañadoras do premio destes últimos anos: Mario Regueira, Susana Aríns, Ramón Neto e mais Lorena Souto.
O acto pechouse cunha actuación do Coro da Ra, dirixido por Ramón Bermejo.
O libro gañador publicarase na colección de poesía Espiral Maior na primeira metade de 2013. Arredor do día das Letras Galegas terá lugar en Fene a presentación oficial.

Entrevista a Mario Regueira

mario regueiraMario Regueira, gañador da XVIII edición do Premio, contesta as preguntas de Ramón Vilar en “Letra en Obras”.
Pódese ver a entrevista aquí.

Mario está estes días presentando a súa última novela, Outono aquí, publicada por Sotelo Blanco, coa que obtivo en 2011 o Premio Manuel Lueiro Rei de novela curta. É a segunda que publica, despois de L’affiche rouge (Xerais, 2007).

A maiores do libro co que gañou o Pérez Parallé en 2005, tamén publicou outro poemario, Blues da crecente, que obtivo o Premio Johán Carballeira en 2008 e foi publicado por Espiral Maior en 2009.