Acto de entrega da XXV edición do Premio

O sábado tivo lugar o acto de entrega da XXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. No acto, Marisol Gándara Sánchez recibíu o diploma acreditativo e mais a peza de cerámica que representa o premio e é obra de Francisco Pérez Porto, fillo de Xosemaría Pérez Parallé.
entrega do parallé a marisol gándara

Na mesa presidencial do acto, acompañando á gañadora deste ano, estivo José Manuel Romero, presidente do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade e Gumersindo Galego, alcalde de Fene.
Marisol adiantounos un poema do libro premiado, presentado ao certame co título Testamento poético (“aínda que é probábel -comentou-, que finalmente acabe por cambiarlle o título”).
A continuación tivo lugar un pequeno e emotivo recital a cargo de algúns dos gañadores e gañadoras do premio destes últimos anos: Mario Regueira, Susana Aríns, Ramón Neto e mais Lorena Souto.
O acto pechouse cunha actuación do Coro da Ra, dirixido por Ramón Bermejo.
O libro gañador publicarase na colección de poesía Espiral Maior na primeira metade de 2013. Arredor do día das Letras Galegas terá lugar en Fene a presentación oficial.

Primeiras repercusións

ramón neto

Apareceu en Vieiros a primeira entrevista co galardoado co Premio Pérez Parallé deste ano.

Hai tamén unha nota na edición ferrolana de hoxe de La Voz de Galicia e no Diario de Ferrol.

Fixéronse eco a Asociación de Escritores en Lingua Galega e culturagalega.org.

E mais temos noticias de que a nova do galardón tivo repercusión na prensa pontevedresa do que daremos conta en canto sexa posíbel.

Ramón Nieto Otero gaña a XXII edición do Premio

Onte pola noite reuniuse o xurado da XXII edición do Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé e resolveu outorgar o galardón deste ano ao libro titulado A estación única dunha illa, presentado baixo o pseudónimo “Glas-Ao”.

Aberta a plica, resultou ser da autoría de Ramón Nieto Otero, escritor nado na na Illa de Arousa en 1975.
Licenciado en filoloxía inglesa, fixo o último ano da carreira cunha beca Erasmus na Universidade Libre de Bruxelas e, dende aquela, reside na capital belga dedicado ao ensino da lingua inglesa.

Ten estudos de música clásica e jazz e é un afeizoado á cultura mariñeira, practicando no mar de arousa a navegación en dorna.

Malia a distancia que o separa da terra, o autor prometeu facer todo o posíbel por estar presente na entrega do premio que terá lugar o próximo sábado 21 de novembro na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene.

O xurado, integrado polo poeta e artista plástico Baldo Ramos, Carmen Bar, exdirectora da biblioteca de Narón e Susana Sánchez Aríns, gañadora da XXI edición do premio, mencionou especialmente a alta calidade xeral das obras presentadas, destacando particularmenta as tituladas O xardín de inverno e outras augas e Noites na casa do pai.